Neste momento estás a ver Xornada Técnica dentro do marco do proxecto:  “Cara a unha Agroindustria Sostible: estudo do ciclo de vida do carbono, mitigación dos seus efectos e actividades de compensación”
default

Xornada Técnica dentro do marco do proxecto: “Cara a unha Agroindustria Sostible: estudo do ciclo de vida do carbono, mitigación dos seus efectos e actividades de compensación”

Xornada Formativa sobre Pegada de Carbono: unha oportunidade para empresas e profesionais comprometidos co Ambiente e a Sostibilidade.

Data: 1 de outubro de 2025.

Lugar: Nordés Clube Empresarial, na rúa Enrique Mariñas 32, 4º, 15009 A Coruña.

Público destinatario:

  • Técnicos e responsables de áreas ambientais en organizacións públicas ou privadas, en especial as vencelladas aos sectores agrario, gandeiro e agroalimentario.
  • Enxeñeiros e arquitectos que desexen ampliar os seus coñecementos sobre o ciclo de vida do carbono e as estratexias de mitigación e compensación.
  • Outros profesionais implicados coa sostibilidade e a transición ecolóxica.
  • Estudantes que busquen formación práctica sobre o ciclo de vida do carbono e actividades de mitigación e compensación.

A transición cara a modelos produtivos máis sostibles é unha realidade que demanda ferramentas e coñecementos prácticos. Con este obxectivo, o vindeiro 1 de outubro de 2025 celebrarase na sede do Nordés Clube Empresarial, na Coruña, unha xornada formativa gratuíta centrada na pegada de carbono. O acto está dirixido, especialmente, a empresas dos sectores agrario, gandeiro, forestal, así como á industria agroalimentaria e a profesionais de diversas áreas vencellados á sostibilidade ambiental.

Esta formación está pensada como unha experiencia eminentemente práctica e participativa, na que se traballará con metodoloxías reais e exemplos representativos para mellorar a precisión na medición da pegada de carbono. Ademais, abordarase a correcta definición do alcance, o manexo de datos clave e a aplicación de ferramentas recoñecidas no sector.

Durante o mes de outubro / novembro completarase cun webinar práctico sobre o cálculo da pegada de carbono tanto a nivel de organización como de produto. Este webinar anunciarase con suficiente antelación.

O número de prazas é limitado. As solicitudes atenderánse por rigorosa orde de inscrición, INSCRÍBETE neste  FORMULARIO DE INSCRICIÓN e envíao áo seguinte enderezo de correo electrónico fia@coiag.es

Esta é unha oportunidade única para adquirir habilidades aplicables e reforzar o compromiso ambiental das organizacións. A pegada de carbono é un indicador clave na sostibilidade, e saber medila correctamente permite tomar decisións estratéxicas con impacto real.

PROGRAMA / CARTEL

SESIÓN I: CONCEPTOS TEÓRICOS.

9:00–10:30: Conceptos básicos de análises de ciclo de vida de carbono. Indicadores de sostibilidade e transición ecolóxica. Ferramentas e metodoloxías para o cálculo da pegada de carbono. Relator: Eugenio Fernández Carrasco, profesor titular da USC – Departamento de Enxeñería Química, Facultade de Ciencias de Lugo.

10:30-11:30: Compensacións de emisións de gases de efecto invernadoiro. Inventario de Gases de Efecto Invernadoiro segundo o IPCC. Tipoloxías de proxectos de captura de carbono. Relator: Joel Rodríguez Ruiz, investigador post-doutoral do grupo de investigación PROEPLA da Universidade de Santiago de Compostela.

11:30-12:00: Pausa – Café

12:00-14:00: Información de partida. Unidade funcional e límites do sistema. Inventario. Declaración ambiental de produto. Relatora: Carmen Fernández Gasalla, directora de INGAF.

SESIÓN II: WEBINAR.                                                  (Data pendente de determinar)

  1. Cálculo de pegada de carbono de organización (0,50 h)
  2. Cálculo de pegada de carbono de produto (1,50 h)
  3. Resolución de dúbidas (0,50 h)

Esta actividade conta cunha subvención da Deputación da Coruña, e co apoio do Colexio Oficial de Enxeñeiros Agrónomos de Galicia e do Consello Galego de Enxeñerías de Galicia.

Para máis información non dubide en poñerse en contacto coa Fundación Enxeñería Agronómica para o Desenvolvemento de Galicia, no 981 288 858 ou no correo electrónico fia@fiagalicia.com