Neste momento estás a ver Cara á unha Agroindustria Sostible: Estudo do Ciclo de Vida do Carbono.

Cara á unha Agroindustria Sostible: Estudo do Ciclo de Vida do Carbono.

Durante o ano 2025 desenvolvéronse distintas actuacións no marco do proxecto “Cara a unha Agroindustria Sostible: estudo do ciclo de vida do carbono, mitigación dos seus efectos e actividades de compensación”, unha iniciativa que permitiu avanzar de forma decidida na capacitación técnica e na xeración de ferramentas prácticas para o sector agroalimentario galego.

Este proxecto foi posible grazas ao financiamento da Deputación da Coruña, cuxo apoio resultou fundamental para impulsar accións formativas e divulgativas orientadas a mellorar a medición e xestión da pegada de carbono nos ámbitos agrario, gandeiro, forsestal e agroindustrial. Aínda que as actividades se levaron a cabo ao longo de 2025, aproveitamos este momento como recordatorio para realizar un resumo das principais actuacións desenvolvidas e facilitar o acceso aos recursos xerados, entre eles a gravación do webinario e a guía técnica publicada no marco do proxecto.


Xornada Formativa sobre a Pegada de Carbono

1 de outubro de 2025 / Nordés Clube Empresarial – A Coruña

A primeira gran acción do proxecto foi a Xornada Formativa sobre a Pegada de Carbono, celebrada o 1 de outubro na Coruña. Esta sesión presencial, de carácter eminentemente práctico, estivo dirixida a:

  • Técnicos e responsables ambientais de organizacións públicas e privadas.
  • Profesionais vinculados aos sectores agrario, gandeiro, forestal e agroalimentario.
  • Enxeñeiros, arquitectos e perfís técnicos interesados na análise do ciclo de vida do carbono.
  • Estudantes e profesionais comprometidos coa sostibilidade e a transición ecolóxica.

Durante a xornada abordáronse contidos clave como:

  • Conceptos básicos de análises de ciclo de vida do carbono.
  • Ferramentas e metodoloxías para o cálculo da pegada de carbono.
  • Inventarios de gases de efecto invernadoiro segundo o IPCC.
  • Tipoloxías de proxectos de captura e compensación de carbono.
  • Declaracións ambientais de produto e definición de límites do sistema.

A formación permitiu traballar con exemplos reais e metodoloxías aplicables directamente en organizacións do sector, reforzando a capacidade técnica dos asistentes para medir e xestionar o seu impacto climático.


Presentación da Guía Técnica: unha ferramenta pioneira para o sector

13 de decembro de 2025 /  Hotel AC da Coruña

O 13 de decembro de 2025, a Fundación Enxeñería Agronómica para o Desenvolvemento de Galicia presentou a “Guía Técnica para o Estudo sobre o Ciclo de Vida do Carbono, Mitigación dos seus Efectos e Actividades de Compensación, cara a unha Agroindustria Sostible”, nun acto celebrado no Hotel AC A Coruña.

A publicación, elaborada por profesionais da consultora INGAF, constitúe un recurso pioneiro que:

  • Ofrece un marco técnico e metodolóxico rigoroso.
  • Facilita a identificación e cuantificación da pegada de carbono ao longo do ciclo de vida dos produtos agroalimentarios.
  • Integra estratexias de mitigación e compensación.
  • Promove unha visión integral da sostibilidade (económica, social e ambiental).

A guía está chamada a converterse nun documento de referencia para empresas, técnicos, investigadores e entidades vinculadas á enxeñería agronómica e á sustentabilidade agroalimentaria.

 


Webinar: Ciclo de Vida do Carbono e Pegada de Carbono no Sector Agroalimentario

17 de decembro de 2025 / Modalidade en liña

Como continuidade á xornada presencial, o 17 de decembro celebrouse o webinario práctico centrado no cálculo da pegada de carbono de organización e de produto, así como nos mecanismos de compensación dentro do Sistema Voluntario de Créditos de Carbono de Galicia. Nesta sesión desenvolvéronse: casos prácticos de cálculo de pegada de carbono organizacional, aplicación práctica da análise de ciclo de vida, estratexias de compensación conforme á normativa galega, e resolución de dúbidas e revisión de conceptos fundamentais. O webinario permitiu ampliar o alcance do proxecto, facilitando a participación de profesionais que non puideron asistir á xornada presencial.

Webinario en diferido


Un proxecto estratéxico para a sustentabilidade do sector

O conxunto de actuacións desenvolvidas en 2025 reforza o compromiso do sector agroalimentario galego coa transición ecolóxica e a adaptación aos retos do cambio climático.

Grazas ao financiamento da Deputación da Coruña, o proxecto permitiu:

  • Formar a profesionais en metodoloxías avanzadas de cálculo de pegada de carbono.
  • Impulsar a aplicación práctica da análise de ciclo de vida.
  • Fomentar estratexias de mitigación e compensación.
  • Dotar ao sector de ferramentas técnicas específicas a través dunha guía especializada.

Con este balance, o proxecto “Cara a unha Agroindustria Sostible” consolida o seu papel como iniciativa de referencia na promoción dunha agroindustria máis competitiva, responsable e aliñada cos obxectivos climáticos europeos.